Sos Xardíns

DESCÚBRENOS

NOSA HISTORIA

DESCARGAS

ACTUALIDADE

Derivada da  actividade impulsada pola Plataforma Cívica denominada SOS Xardíns de Mondariz Balneario, durante os anos 2014 e 2015,  múltiples organismos e entidades tanto públicas como privadas, posicionaronse  e emitiron opinión destacando o valor patrimonial dos Xardíns Históricos do Gran Hotel de Mondariz Balneario,  da necesidade da súa protección e preservación do conxunto como unha unidade.  A actividade da Plataforma cívica foi determinante para que a Xunta de Galiza emitira informe desfavorable á pretensión de segregar, con fins especulativos, e recualificar case 4000 m2 de da zona verde coñecida como “Bosque do Gran Hotel”,  integrada neste conxunto desde 1873.

Modificación da normativa urbanística de 2000

Baixo titularidade privada, este espazo veuse sometido, durante os derradeiros anos do século XX e nos primeiros do XXI, a múltiples parcelacións que conlevaron aplicación en cada unha, de diferentes ordenanzas urbanísiticas. Tras a modificación da normativa urbanística municipal de 2000, que permitiu trocar de uso hoteleiro a uso residencial do edificio do antigo Gran Hotel, o concello adquiriu a titularidade da zona situada fronte a fachada norte do edificio e consolidou diferentes aproveitamentos nas distintas parcelas rexistrais.

IMAXE 1 planos usos

Primeiro borrador de convenio

En pleno auxe da burbulla inmobiliaria do principio do presente século, coñeceuse un primeiro borrador de convenio entre concello e propiedade que pretendía posibilitar a edificación con uso residencial na zona sul-oeste dos xardíns, a proposta non chegou a formalizarse, mais levou consigo un progresivo desleixo no mantemento deste espazo, coidados que,  a pesar da titularidade privada do terreo, viña asumindo desde anos atrás  persoal municipal. A degradación do espazo acadou o seu máximo a principios da década seguinte cando se utilizou como queimadeiro de restos de podas e outro tipo de refugallos.

A teima por cambiar para uso residencial parte deste espazo continuou e,  agora sí, o 17 de outubro de 2013 formalizouse un novo convenio urbanístico entre o concello e a propiedade, que entre outras cuestións pretendía a modificación da normativa urbanística para posibilitar a recualificación  de 3765m2 do coñecido como “Bosque do Gran Hotel”, que deixaría de ser zona verde a ter uso residencial. O concello iniciou o trámite para esta modificación e isto foi a causa determinante para que,  en réxime de autoconvocatoria, o día 14 de xuño de 2014  celebrase unha asemblea aberta á que  asistiron unhas 50 persoas tanto da propia vila como de múltiples lugares da comarca e do resto de Galiza, consituindose  a Plataforma Cívica SOS Xardíns de Mondariz Balneario, definindose os seu obxectivos.

A comisión coordinadora da Plataforma estaba formada polas seguintes persoas

●  Guillermo Moreira, (Portavoz).

●  Domingo Couto (Coordinador da comisión técnica e portavoz da comisión urbanística).

●  Alberte Reboreda (Portavoz da Comisión Patrimonio).

●  Francisco Chivite (Coordinador da comisión organizativa).

●  Xan Cons (Coordinador da comisión organizativa).

●  Luz Morgade (comisión urbanística).

●  Miguel Angel Reimundez (comisión urbanística).

●  José Ramón Iglesias (comisión patrimonio).

●  Ricardo Varela (comisión patrimonio).

●  Marcelo Rodriguez  (coordinador da comisión medioambiental).

●  Marcos De La Fuente (comisión medioambiental).

●  Francisco Camba (comisión organizativa).

●  Maria Teresa  Lillo  (comisión organizativa).

●  Alicia Lorenzo  (comisión organizativa).

Cronoloxía de actividades da plataforma e feitos

A mesa de coordinación desenvolveu un intenso traballo de organización interna, de ampliación de contactos con persoas e organismos, de elaboración de informes técnicos, de organización de actividades enfocadas a información sobre o proxecto especulativo, á sensibilización da poboación local e á extensión da reivindicación da defensa dos Xardíns Históricos de Mondariz Balneario a toda Galiza.

Sen intención de exhaustividade cabe destacar os informes emitidos e posicións adoptadas pola  Universidade de Vigo o 10/07/2014, Univerisdade de Santiago de Compostela o 24/07/2014, Universidade da Coruña o 08 de outubro de 2014, polo Colexio de Arquitectos de Galiza,  polo Consello da Cultura Galega (CCG), etc.

Destacamos o “INFORME SOBRE A UNIDADE DO CONXUNTO DO HOTEL-BALNEARIO DE MONDARIZ”  emitido na primavera de 2015  polo  CCG, tanto pola súa profundidade como pola claridade coa que se posiciona como por tratarse dun órgano consultivo da propia Xunta de Galiza. Os apartados finais 3 e 4 do dito informe, resultan absolutamente clarificadores sobre o acerto e oportunidade do enorme traballo desenvolto pola Plataforma Cívica denominada SOS Xardíns de Mondariz Balneario e especificamente polas persoas que a dirixiron desde a súa comisión coordinadora.

Domingo Couto Toucedo
Guillermo Moreira Barros
Francisco M. Chivite Mosquera
Alberte Reboreda Carreira

A partir desta presentación,   foi continuada a emisión de notas de prensa dando conta de actividades organizadas, dos apoios sumados, dos avances no proceso  de tramitación a que se someteu o proxecto por parte da administración da Xunta, da elaboración e presentación de observacións/alegacións nas diferentes fases do trámite.

https://www.facebook.com/profile.php?id=100069224670948

Entre as actividades compre destacar

17/07/2014. Acto público en Gándara. A Plataforma convocou á veciñanza a un acto cultural e lúdico no que o finado membro da coordinadora da Plataforma Xosé Ramón Iglesias Veiga, desenvolveu unha charla ilustrada con infinidade de imaxes proxectadas baixo o título “Antonio Palacios e Jenaro de La Fuente, prestixio técnico no deseño do Balneario”, o acto completouse coa actuación musical que o grupo folk “Ghaveta” que ofreceu de modo altruísta solidarizándose así coa defensa dos Xardíns Históricos de Mondariz Balneario.

José M.Ramon Iglesias Veiga

01/08/2014. A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas anuncia o início do trámite de consultas á proposta de modificación do planeamento urbanístico que promove o concello de Mondariz Balneario polo que a Plataforma centra a súa actividade na elaboración do seu documento de observacións (alegacións) e na súa difusión para captar apoios de persoas e tamén de organismos de prestixio.

20/08/2014. As alegacións elaboradas pola Plataforma foron rexistradas  nas oficinas do concello por unha comisión representativa da Plataforma encabezada pola finada  Maria Teresa Lillo

O documento elaborado por S.O.S Xardíns Mondariz Balneario, incluía como anexos 5 exhaustivos informes elaborados por membros da coordinadora:

En paralelo a Plataforma promoveu a presentación de alegacións reducidas por persoas e organismos diversos, resultando que foron presentadas mais de 70.

28/08/2014. Reunión na sala de plenos do concello de Mondariz Balneario da coordinadora da Plataforma co Alcalde de Mondariz Balneario, coa portavoz do grupo municipal do PP en presenza do secretario do concello e da arquitecta técnica municipal.

30/08/2014. Finalizado o trámite de información pública a consellería de Medio Ambiente fai público o seu ditame no que estima que é previsible que a recualificación promovida polo concello provoque efectos ambientais “Adversos, duradeiros e irreversibeis” polo que será sometida a a trámite de Avaliación Ambiental Extratéxica e anuncia a emisión dun “Documento de Referencia” (DR) que o concello deberá ter en conta.

13/09/2014. A plataforma celebra un acto cívico reivindicativo nos xardíns que inclúe a celebración dunha asemblea xeral. O acto conleva a realización dun paseo guiado polo espazo explicando cun replanteo sobre o terreo o impacto real da recualificación pretendida así como os valores medioambientais arquitectónicos, paisaxísticos e históricos do espazo que se reivindica co conxunto indisociable (Bosque/xardíns/construcións históricas). No acto comezouse a distribución de camisetas e bandeirolas reivindicativas co anagrama deseñado pola arquitecta membro da coordinadora Luz Morgade. No acto despregouse unha faixa  reivindicativa contra a especulación. Finalizando coa proxección de fragmentos da película de 1929 “Un Viaje por Galicia” rodados nos xardíns do Balneario.

08/10/2014. Unha representación da Plataforma desprázase á sede do Colexio de Arquitectos de Galiza en Vigo, onde Domingo Couto, Marcelo Rodriguez e Ricardo Varela fan a presentación do proxecto e expoñen a posición defendida nas alegacións presentadas.

Outubro/2014. A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas emite o prometido Documento de Referencia (DR) cuxas indicacións obrigan ao concello. No DR indica que a pretendida construción de vivendas para uso privado no espazo coñecido como Bosque do Gran Hotel dentro dos Xardíns “non é compatible coa protección e conservación do mesmo”, polo que o concello deberá reformular a proposta antes de sometela ao proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica.

09/11/2014. Convocado pola Plataforma celebrouse nos Xardíns un Magosto reivindicativo, amenizado de balde polo grupo folk “Volta e Dalle”, nun ambiente de optimismo polos grandes avances conseguidos na procura dos obxectivos de SOS Xardíns Mondariz Balneario.

MªTeresa Lillo Pichel e Guillermo Moreira Barros
Nutrida asistencia de veciñanza ao magosto reivindicativo

17/01/2015. A PLATAFORMA SOS XARDINS presenta diante da Dirección Xeral de Patrimono da Xunta de Galicia a solicitude de INCLUSIÓN DOS XARDINS  NO REXISTRO DE BENS CULTURAIS, mediante un INFORME de 250 páxinas complementado cos INFORMES emitidos polas 3 Universidades Galegas.

30/01/2015. Logo dunha ampla campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza da vila formalizouse a presentación desta Carta ao Alcalde, nas oficinas de rexistro municipais.

Marzo/2015. A Plataforma consigue a emisión dun amplo informe do Consello da Cultura Galega (CCG),  favorable á reivindicación, no que o CCG resalta os valores do espazo dos Xardíns Históricos que considera debe respectarse como un espazo único non fragmentable e que no seu conxunto resulta merecedor da consideración de Ben de Interese Cultural ampliable a área de influenza da Vila Termal. O informe remata contundentemente co seguinte parágrafo:

Finalmente, se se teñen presentes os valores da realidade cultural actual dese conxunto, a caracterización e categorización que habería que facer del tería que concluír, necesariamente, na súa incoación e logo declaración como BIC, na categoría de Conxunto Histórico. Deste xeito, a pretensión de permitir máis edificación residencial privada quedaría aínda máis inxustificada.”

Cronoloxia de apoios e adesións

Das múltiples adesións persoais, (destacar a dos descendentes da familia Peinador, fundadores do Balneario, e dos  posicionamentos xa citados das tres universidades galegas, do Consello da Cultura Galega,  foron moitas outras as entidades que mostraron apoio ás actuacións da Plataforma:

16/07/2014. O Instituto de Estudios Vigueses, que posteriormente, en xaneiro de 2015, publicou dentro do seu boletín GLAUCOPIS nº 19 un extenso artigo da autoría do membro da Plataforma Xosé Ramón Iglesias Veiga,   pondo en valor os Xardíns do Gran Hotel do Balneario.

18/07/2014. Asociación para a Defensa e Promoción do Patrimonio Histórico Artístico “A Solaina”.

29/07/2014. A Asociación Hispania Nostra incluiu os Xardíns dentro da Lista Vermella do Patrimonio.

20/08/2014.
A Asociación de Veciños Xabriña de Mondariz.
A coordinadora de asociacións “A Ría non se Vende” (inclúe unha ducia de colectivos).
A asociación A Terra Non se Vende.

19/09/2014. Escola de Xardinería “Jardíns i Jardiners” integrada no “Instituto Catalan de Estudies Agraris (ICEA).

21/02/2015. Premio pola “Defensa do Medio Natural do Condado” (ADENCO).

Xullo/2015. Publicación dun artigo sobre os Xardíns na revista da fundación londinense de prestixio mundial especializada en xardíns históricos “Historics Gardens”.

A maiores houbo varios articulistas que publicaron columnas en medios escritos.

Finalmente

16/07/2015. A Consellería de Medio Ambiente anuncia inicio do trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica da modificación urbanística na que finalmente o concello exclúe a recualificación dos terreos destinados a construción de vivendas de uso privado e á nave para os servizos municipais. A modificación foi aprobada finalmente polo Pleno do concello o 25/01/2017.

Consideracións finais

A actividade da Plataforma SOS Xardíns de Mondariz Balneario permitiu:

Salvagardar a integridade dos xardíns históricos de Mondariz Balneario que estaban sometidos a unha ameaza certa de segregación e destrución con fines especulativos.

Sensibilizar a sociedade local mostrándolle a través das actividades desenvoltas pola Plataforma e especificamente a través dos informes elaborados neste proceso, os valores patrimoniais que acolle o espazo do que a cidadanía de Mondariz Balneario é depositaria temporal e sobre o que ten responsabilidade cívica e capacidade para defendelo empoderándose como cidadanía consciente.

Conseguir que organismos de tanto prestixio como as Universidades de Vigo, Santiago de Compostela, da Coruña o ou o Consello da Cultura Galega e outros recoñeceran publicamente os valores que encerran os xardíns de Mondariz Balneario contribuíndo á  súa difusión e con elo á promoción da vila.

Conseguir un informe do CCG favorable á declaración dos Xardíns Históricos de Mondariz Balneario e se fose o caso da vila termal histórica como Ben de Interese Cultural (BIC), declaración que será de interese estratéxico para Mondariz Balneario.

Evidenciar diante da veciñanza que o progreso non debe basearse na defensa de intereses particulares especulativos confrontados á valorización dun ben patrimonial do que é depositaria.

Conseguir que a día de hoxe calquera cidadán poida gozar integramente deste espazo recuperado e sentirse parte da nosa historia colectiva.

O noso pasado é un xacemento de activos para o noso presente. É o noso tesouro, a promesa dun futuro pleno e digno. Lembrar para sermos, ollar para ver, procurar para entender. (Autoría descoñecida)