• Antecedentes

Na actualidade, o Concello de Mondariz-Balneario é un dos estandartes do turismo da provincia de Pontevedra. Testemuña romántica dunha época gloriosa do termalismo.

O xardín barroco francés, o xardín romántico paisaxista inglés, o xardín de camelias, o xardín acuático, o xardín aromático, o xardín medicinal, o xardín comestible, o xeroxardín de plantas do deserto, a colección de plantas carnívoras, a illa fluvial -elemento esencial do xardín oriental-, a antiga estufa de multiplicación de principios do século pasado, a ampla diversidade botánica de especies e de variedades de cultivo ornamentais, os senlleiros exemplares arbóreos centenarios testemuña das orixes e da maxestuosidade deste extraordinario espazo, as composicións vexetais…

Tal é a riqueza e diversidade de elementos do patrimonio histórico e natural que compoñen o asombroso xardín que rodea ao que foi o mellor establecemento balneario decimonónico de Galicia, o Balneario de Mondaríz. Un espazo cuxa visita constitúe unha experiencia que precisa da participación dos nosos cinco sentidos. Un patrimonio paisaxístico ligado á historia deste lugar co que temos aínda hoxe a sorte de contar e que compre conservar e divulgar polo seu potencial para a sensibilización cultural, ademais de pola súa inherente beleza. É ademais un dos escasos exemplos na historia da xardinería galega da intervención dun profesional paisaxista, o francés Jean Izidore Dariêre Barrans, na composición e deseño dun xardín. Con funcións ben definidas dentro da terapia balnearia, máis aló das ornamentais, estéticas e promocionais, os xardíns e parques convertéronse en parte esencial destas idílicas “cidades das augas” durante a época dourada do termalismo moderno constituíndo sen lugar a dúbida os de Mondariz o paradigma galego deles.

  • Presentación:

Co gallo do aniversario da celebración de 150 anos da declaración de augas de utilidade pública do balneario de Mondariz, o Concello de Mondariz-Balneario está intentando recuperar espazos para dotalos de identidade, non só coma unha  iniciativa  turística senón tamén coa idea do uso e goce do cidadán.

  • Xustificación:

Intentar  recuperar diversos espazos e dotalo da identidade que tiñan na época de esplendor do balneario. Dende fai un tempo se están implantando diversas actuacións para dotar o Xardíns do concello de Mondariz Balneario sexa un museo natural e histórico o aire libre.

  • Obxectivos :
    1. Tratar de recuperar elementos do xardín, para dotalos da aparencia orixinal.
    2. Usar espazos que manteñen o aspecto orixinal coma modelo.
    3. Recuperar a entorna para uso e gozo do turista e do cidadán

Proxectos levados a cabo:

  • PASIÑO A PASIÑO.

Este ano o concello de Mondariz balneario, solicitou incluír 4 exemplares arbóreos do xardín no catalogo de especies Senlleiras de Galicia. Entrar neste catálogo non resulta doado pero sen lugar a dúbida a importancia histórica deste exemplares e do seu contexto fíxoas merecedoras de semellante distinción e da protección que ela outorga. A administración autonómica concedeu a inclusión para tres das catro solicitudes, feito que nos enche de ilusión para traballar no futuro nesta líña de turismo e conservación da natureza.

As arbores  galardoadas son

    • A Criptomeria xaponesa do Palco da Musica do Xardín Histórico de Mondariz Balneario.
    • Dous Alciprestes de Portugal do Xardín Histórico de Mondariz Balneario, únicos representantes da especie a partir de agora no Catálogo.

 

  • UN ANACO DA ILUSIÓN E DO  O CORAZÓN DOS NOSOS VECIÑOS  NO  XARDÍN.
    • A idea xurdiu da continua procura no día a día por facer cousas para mellorar o xardín.
    • Afrontáronse os condicionamentos de tipo ambiental que levaban á morte das plantas das xardineiras do concello co correspondente custo para a economía local.
    • Grazas á acción voluntaria da propia cidadanía da vila o concello recibiu e recibe numerosas doazóns de planta e de semente para a substitución de exemplares perdidos, as cales que se conservan no invernadoiro do xardín, recentemente rehabilitado e acadando un importante aforro económico para as arcas municipais.
    • Ademais dos beneficios económicos esta acción cidadá tradúcese en dous aspectos positivos de grande valor social: por unha parte recupérase un espazo tan senlleiro como é o invernadoiro histórico de xardín, non só na súa estrutura restaurada senón tamén na súa función orixinal. Por outra banda quizais o máis importante, conséguese a implicación e compromiso dos veciños coa súa vila e a conservación das súas zonas verdes.

Imaxe cedida por a familia Troncoso

  • O estanque de Dariere.

Unha das opcións máis sinxelas, é a de recuperar do estanque situado no regato de Valdecide. A tarefa sería fácil, habería que repoñer as comportas como estaban fai uns anos e logo dotalo con especies florais, conseguindo un aspecto similar ao modelo de estanque da época.

As investigacións levadas a cabo a partir dos traballos de diferentes autores (teses  de María Jesús del Castillo Campos e o libro sobre Peinador Lines de R. Gurrirán) descóbrennos a participación no deseño deste espazo axardinado dun profesional paisaxista de orixe francés, instalado na provincia de Pontevedra, de apelido Dariere. Un dos poucos casos documentados en Galicia e mesmo en España da participación deste tipo de profesional, porén, algo máis común historicamente noutros países do entorno europeo.

Actuación. Debido as riadas e subida da auga plantáronse nenúfares da especie autóctona así como outras de especies hibridas estériles (sen carácter invasor). Como manexo para garantir a supervivencia das plantas e evitar a súa destrución polas frecuentes avenidas de auga na época de choivas as plantas retiraranse co seu recipiente e se colocaran temporalmente nunha cubeta adecuada situada no invernadoiro devolvéndoas de novo ao estanque na época favorable.

    • Propostas:
      • Pechar o estanque cunhas táboas de madeira de forma semellante ao seu estado orixinal, aproveitando a estrutura que aínda se conserva.
      • Contemplar criterios e riscos ecolóxicos na selección das especies introducidas no xardín.
      • Colocar as plantas cun recipiente.
      • Retirar as plantas en períodos de risco por avenidas ou seca da canle para conservalas no invernadoiro.
      • Retirar as táboas en inverno para evitar riadas e inundacións.
    • Orzamento: o custe sería moi baixo, xa que as operacións sería realizado polos operarios do concello e o único material que se mercaría sería o material vexetal.

Arquivo fotográfico: aspecto do Parque du Serrat, Dax (Francia), un exemplo de parterre acuático.

PRÓXIMOS PROXECTOS:

  • Sinalización do espazo:

Colocar paneis informativos coas especies máis destacadas, explicando osas distintas zonas do xardín.

    • Illa e invernadoiro
    • Xardín Barroco
    • Xardín de Camelia
    • Xardín paisaxista Inglés
    • Xardín acuático
    • Xardín comestible
    • Xardín medicinal
  • ESPAZO do xardín aromático (Casa de Máquinas / Antiga Lavandeira).

Primeira fase (xa realizada):  acondicionar o xardín  con especies aromáticas.

Fase de musealización (en proxecto) mediante a distribución de paneis grandes nos que se expoñerán fotografías antigas sacada de documentos históricos que nos reflexan os oficios que  se realizaban na antiga casa de maquinas tamén coñecida coma antiga lavandeira e que hoxe ocupa esta zona do xardín. Con esta exposición fotográfica se dotaría de identidade a o espazo e se facilitaría información do espazo a visitante. O material empregado sería respectuoso co patrimonio empregando tipoloxías semellantes ás que se empregan noutros casco antigos.

  • Xardíns da camelia:
    Co propósito de entrar na prestixiosa Ruta da Camelia de Galicia, plantáronse numerosas especies de camelia no xardín, acompañando a outras especies xa presentes no espazo e que procedían igualmente do continente asiático completando así o carácter exótico deste xardín internacional. Para poder optar a entrar na Ruta da Camelia débense cumprir uns requisitos, un deles e ter as cantidades esixidas polo organismo xestor da ruta. Por esa razón se plantaron moitas camelias de diversos tipos.

    • Fase I: Plantación de camelias (fase realizada). Devido ás rigorosas condicións climáticas deste ano, parte dos xardíns de camelia da nosa provincia perderon moitos exemplares, grazas a Deputación Provincial e a Estación Fitopatoloxía Finca Areeiro se repuxeron algunha das especies perdidas.
    • Fase II (en proceso): cumprir os requisitos para poder entrar na Ruta da Camelia e presentarase no comité para solicitalo.
    • Fase III (en proceso): divulgación do xardín. No próximo congreso internacional da camelia a través dos expertos da estación fitopatolóxica de Finca Areeiro presentarase un proxecto do xardín de Mondariz Balneario. Neste proxecto colaboraron persoas contratadas no patrimonio cultural e natural.