Ponse en marcha do plan de termalismo social “+Benestar” 2024, que ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e aumentar a calidade de vida das persoas, ao establecer novas relacións sociais e favorecer que participen en actividades que melloren o seu estado anímico por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

A través deste programa ofrécese unha estancia de seis días e cinco noites (con entrada os domingos pola tarde e saída os venres despois de xantar) nun hotel con balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características similares da provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural.

A Deputación de Pontevedra oferta 2.127 prazas ao longo de 2024. Co obxectivo de garantir o acceso de toda a poboación da provincia ás iniciativas de envellecemento activo e de prevención para a saúde, resérvanse 30 prazas subvencionadas para persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión social.

Para poder optar a algunha das prazas reservadas ás persoas sen recursos, os concellos deberán achegarlle á Deputación o modelo de valoración social que acredite a situación social da persoa solicitante.

As condicións da convocatoria poderanse consultar nas bases reguladoras publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 14 de agosto de 2024. No anexo I destas bases figuran os concellos colaboradores co plan termal.

O prazo de presentación de solicitudes para as persoas físicas será do 16 de agosto ao 5 de setembro de 2024.

Ver díptico