Os alcaldes da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón anunciaron a posta en marcha o día 1 de agosto do servizo de “Atención Temperá para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias”.
Nunha reunión celebrada na Cañiza na que se programaron os días de atención en cada concello dacordo ao convenio de colaboración que permitirá compartir o servizo entre as 5 administracións.
A empresa ACEESCA será a encargada de desenvolver este programa por un importe de adxudicación de 50.205,11 € semestrais. O Servizo está financiado ao 90% pola Xunta de Galicia. A mercantil conta cun equipo de profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención tempera que se ocuparán de valorar trastornos de desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, de autonomía, desenvolvemento da área social e afectiva e sobre todo apoio, información e formación para as familias.
Os beneficiarios deste programa serán derivados polos Servizos de Pediatría de cada Concello.
Os 5 Alcaldes, nunha xornada de traballo celebrada no Concello da Cañiza, anunciaron a posta en marcha deste servizo o vindeiro luns, 1 de agosto.
A partires desta data, o programa desenvolverase na sede de Mondariz que dará cobertura a Mondariz e Mondariz Balneario, os luns e martes (en xornada completa de mañá e tarde). Na sede de Covelo o mércores en xornada de mañá e tarde e na sede da Cañiza, que dará cobertura á Cañiza e Melón, os xoves e venres tamén en xornada completa de mañá e tarde. A sede da Cañiza ten o enderezo no 1º andar do Edificio Multiusos da rúa Progreso 21.
O PROGRAMA DE ATENCIÓN PSICOSOCIAL E FAMILIAR VINCULADO Á ATENCIÓN TEMPERÁ É UN DOS PROGRAMAS E SERVIZOS PRIORITARIOS DENTRO DOS PROGRAMAS DE SERVIZOS SOCIAIS
A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A finalidade: facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.
Dende o servizo de atención temperá ofrécese unha intervención biopsicosocial capaz de favorecer a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.