HISTORIA
Preto da nosa vila na veciña Parroquia de Pías atópase o poboado castrexo de Troña. Restos arqueolóxicos atopados neste lugar constátannos a presenza dos castrexos e romanos moi preto da nosa vila. Na actualidade, non temos probas nin reseñas de que estas civilizacións usaran as augas mineiro medicinal do noso termo municipal.
Na época medieval é probable que as augas minerais da Fonte da Gándara foran empregadas polos veciños e moradores do Castelo de Sobroso dada a proximidade do mesmo. Conta a tradición que en 1282 na Capela de San Pedro, que se sitúa neste municipio, tivo lugar o casamento do rei Don Dinís de Portugal coa infanta Isabel de Aragón, filla de Pedro III e que máis tarde sería coñecida como Isabel de Portugal.
Os primeiros documentos escritos sobre as augas medicinais do noso concello son realizados Gómez de Bedoya e Pascual Madoz no 1772 e 1855 respectivamente.
O redescubrimento do manancial de Troncoso atribúeselle ao párroco Domingo Blanco Laxe. Con posterioridade o licenciado en medicina D. Sabino Enrique, acompañado dun hidrólogo, redescubre un manancial situado no Chan da Gándara no val de San Pedro. No ano 1873 as augas minerais de Mondariz son declaradas públicas polo Estado a iniciativa dos irmáns Peinador Vela. Neste intre comezará unha apisóante historia que será o inicio dunha das vilas termais más recoñecidas de Europa.
O 30 de novembro de 1924 nace o Concello de Mondariz Balneario e desde o 17 de abril de 1925 ostenta o título de “Muy Hospitalaria Villa”.
HISTORIA ANTIGA E MEDIEVAL DE MONDARIZ BALNEARIO
Sabemos, a través dos restos arqueolóxicos, que o emprazamento ocupado agora polo noso municipio estivo habitado xa dende a prehistoria,o que constata a existencia dun castro no “Coto de Cidade”, así como na época romana ,xa que na veciña parroquia de Pías atopáronse restos de ánforas romanas, diversas pezas cerámicas e moedas de bronce que confirman a ocupación.
Sen embargo,o achádego romano de maior magnitude e que é a mellor proba de que Mondariz Balneario foi romanizado, son restos dunha calzada romana cerca da que se alza, sobre o río Tea, a ponte da Cernadela, tamén de orixe romana.
Para moitos historiadores, a calzada podería ter formado parte dun dos tres ramais nos que se dividía a cuarta vía militar de Braga a Astorga, pois no “Itinerario” descrito por Antonino Pío, o camiño ía dende “Tude” (Tui) a “Aquae Calidade” (actual Caldas de Reis), pasando polas localidades de O Porriño, “Búrbida” e Arcade entre outras.
“Búrbida” era unha mansión que no “Itinerario” romano aparecía a unha distanciado paso de Tui de dezaseis millas romanas, o que a sitúa nun lugar cercano á ponte de Cernadela.
Pero non só é este feito, a descrición da distancia respecto de Tui da localización da mansión, o que levou a multitude de historiadores a crer que “Búrbida” tiña o seu emprazamento entre os municipios de Mondariz Balneario e Mondariz, xa que un estudio etimolóxico do substantivo “Búrbida” parece confirma-lo feito.
Así,o nome“Búrbida” posúe analoxías con palabras como“borbollón” e “burbulla”, que derivan do latín “bullare” (burbujear) y “bulla” (burbuja) e que cruzadas no s.XVII coa palabra “fervor” derivaron en “borbor”, término que deu lugar ós actuais “borbotón” e “burbulla”.
Por elo, pénsase que “Búrbida” facía referencia á explosión de burbullas que provocaba o desprendemento do gas carbónico libre na auga, como ocorre en Troncoso, na marxe do río Tea, fenómeno cuxa observación puido provoca-la posterior denominación da mansión. Séculos máis tarde, concretamente no s. VII d.C, o anónimo de Rávena o “Ravenate” denominou a esta mansión “Bonisana”, nome que podería facer referencia ó bo emprazamento tanto a nivel climatolóxico coma topográfico da zona e as súas saudables augas, o que sumado ós restos romanos anteriormente mencionados converte en máis que probable o emprazamento da “Búrbida”.
Por último, dicir que tralos romanos, esta localidade non sufriu reasentamentos con pobos musulmáns, que ocupaban parte do territorio peninsular, senón todo o contrario, xa que aumentou os seus habitantes con aqueles que abandonaron os seus pobos por caeren baixo dominio árabe, chegando a contar, segundo o recollido no censo do Bispado de Tui, con 160 “veciños”, o que equivale a 800 habitantes.
Na época medieval, é probable que as augas minerais da fonte de Gándara foran empregadas polos veciños moradores do castelo de Sobroso, dada a proximidade do mesmo. Conta a tradición que, no 1282 e na capela de San Pedro que se atopa neste municipio, tivo lugar o enlace do rei Don Dinís de Portugal coa infanta Isabel de Aragón, filla de Pedro III e que máis tarde sería coñecida como Isabel de Portugal. Tamén di que a xa raíña voltou numerosas veces á parroquia de Troncoso, que co tempo deu lugar a Mondariz Balneario, probablemente para toma-las augas.
HISTORIA CONTEMPORÁNEA DE MONDARIZ BALNEARIO
No Antigo Réxime, os actuais territorios de Mondariz-Balneario pertencían á provincia de Tui, unha das sete do Reino de Galicia, que trala constitución promulgada polas Cortes de Cádiz do 1812 pasou a denominarse provincia única de Galicia Anos despois, concretamente o 27 de xaneiro do 1822, Galicia foi dividida en dúas provincias, polo que os territorios quedaban adscritos á nova provincia de Vigo.
Así, a historia de Mondariz Balneario está intimamente ligada a D. Sabino Enrique Peinador Vela, quen fixo do xa mencionado Barrio de Troncoso o coñecido balneario, gracias ó cal se debe a aparición do municipio onde nos atopamos, o máis reducido en extensión ( 2,4 Km2. ) de todo o territorio nacional, pois foi el o redescubridor da fonte da Gándara e promotor inmellorable dos beneficios das súas augas.
Na actualidade, o Concello de Mondariz-Balneario, que dende o 17 de abril do 1925 ostenta o título de “Moi Hospitalaria Vila”, concedido por Alfonso XIII e o Xeneral Primo de Rivera en agradecemento ó bo trato que os veciños lles dispensaban nas súas asiduas visitas ó Gran Hotel, está integrado na provincia de Pontevedra e na comarca do Condado.