En setembro, o noso concello énchese de música, teatro e outras propostas para todas as idades!
Aquí tedes un resumo dos catro espectáculos dos que poderedes disfrutar.
“Un conto musical”, de BatucaDO e Emusin
21 de setembro ás 17:30 na Sala de Cultura do Concello. Actividade de dinamización con música, teatro e danza para a cativada de 5 a 10 anos. “Un conto musical” pretende ser un obradoiro dinámico onde ofrecer a posibilidade de explorar a música con todos os sentidos, utilizando como fío condutor os contos, os xogos, as danzas, as producións sonoras e verbais, etc.
Esta actividade trata de acercar os conceptos básicos da música aos participantes mediante a narrativa e as propostas lúdicas. Actividade pertencente ao programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
“Un verso, un cantar”, de Queiman e Pousa
O vindeiro 25 de setembro ás 20:00 terá lugar o concerto de Queiman e Pousa “Un verso, un cantar” nos xardíns do Gran Hotel.
Trátase dun espectáculo ambientado no século XX onde a poesía e canción van da man, nun orixinal tributo á emigración. Esta cita, desenvolvida polo concello de Mondariz Baleario co apoio da Secretaría de Política Lingüística, terá entrada de balde pero cabida limitada.
Lembramos que será obrigatorio o uso da máscara no recinto acoutado, así como o mantemento da distancia de seguridade.
“Desconcerto”
26 de setembro ás 19.00h nos Xardíns do Gran Hotel. “Desconcerto” é, un divertimento que mestura temas en directo con rigorosos play-backs sobre a música culta, un achegamento á música clásica a través do humor. Montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica. Os nosos protagonistas aparecen, por accidente, no escenario dun concerto de música culta. Coa orquestra a piques de comezar o repertorio e o público preparado para gozar co recital, vense na obriga de facerse pasar por reputados músicos para saír da situación. Curiosamente, a partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando non sen diversos atrancos cómicos.
“Un rato máxico”
30 de setembro ás 18:00 na Sala de Cultura do Concello. Actividade de dinamización para a cativada de 4 a 10 anos. “Un rato máxico” é un espectáculo interactivo de maxia educativa, onde se mestura o ilusionismo co contacontos e os monicreques, fomentando a imaxinación e a participación dun xeito lúdico e divertido, cuxo obxectivo principal é a animación á lectura. Actividade pertencente ao programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia