A Deputación abrirá o martes, 31 de xaneiro, o prazo para participar no programa Depo Aventura A Lanzada, que se espallará entre o 25 de xuño e o 9 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove. Ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do completo programa de lecer que a Deputación organiza cada verán, cun amplo abano de actividades encamiñadas ao enriquecemento persoal da rapazada. Os campamentos desenvolveranse en once quendas entre o 25 de xuño e o 9 de setembro e están dirixidos a nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre os anos 2010 e 2015.
210 prazas estarán reservadas para menores en risco de exclusión social atendidos polos servizos sociais e as 1.330 restantes seguirán o procedemento xeral. Todas as prazas serán adxudicadas por sorteo.